Thursday 28 de March de 2024

“Matria”, a primeira longametraxe de Álvaro Gago, ródase en Pontevedra con axuda da Xunta a través da convocatoria para producións audiovisuais


— O director de Industrias Culturais do Goberno galego, Jacobo Sutil, participa na visita á rodaxe na fábrica de conxelados Santamar

— Matriuska Producciones resultou adxudicataria dunha subvención autonómica de preto de 260.000 euros para levar ao cinema esta longa, que retoma a historia da aclamada curta homónima do director vigués

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou esta tarde o equipo artístico e técnico do filme Matria nunha visita institucional á súa rodaxe, que se desenvolve desde esta mesma semana en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra. A Xunta de Galicia participa na financiación da que é a primeira longametraxe de Álvaro Gago cunha achega de preto de 260.000 euros a Matriuska Producciones mediante a liña de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

A ópera prima do realizador vigués retoma a historia da protagonista da súa aclamada curtametraxe homónima, para a que tamén contou co apoio económico do departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio das axudas para a promoción do talento audiovisual galego e para a súa difusión en destacados festivais internacionais. Entre eles, o estadounidense de Sundance, onde Gago se alzou co gran premio do xurado en 2018.

Estrea a finais de 2022
A visita levouse a cabo na fábrica de conxelados Santamar de Pontevedra, unha das localizacións desta rodaxe, que se estenderá ata finais de mes por diferentes puntos das Rías Baixas. A produtora galega Matriuska asume a súa produción, xunto á madrileña Avalon e a catalá Ringo Media, cara á súa estrea en cinemas a finais de 2022.

A película afonda na historia de Ramona, a personaxe principal da devandita curta e que na longametraxe é interpretada pola actriz María Vázquez. Segundo explica a produtora, a protagonista vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible ata que coñece a Xosé, co que constrúe unha inusual e esperanzadora amizade.

A longametraxe chega á súa rodaxe despois de ser un dos proxectos seleccionados polo mercado de coproducións da Berlinale e polo Mediterranean Film Institut, ademais de participar no TIFF Filmmarket Lab de Toronto e en La Incubadora da Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid (ECAM). Así mesmo, o seu director foi recentemente elixido como unha das Spain Stars of Tomorrow pola revista especializada Screen International.